Monday 29 de April de 2024

O Concello asina catro novos convenios con ACEM, ASPAS, Fundación Secretariado Xitano e Asociación Fonte da Virxe por un importe total de 41.500 euros


O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acompañado pola concelleira de Políticas Sociais Mila Castro, asinou esta mañá catro novos convenios por un valor total de 41.500 euros. Os acordos subscritos hoxe foron con Fundación Secretariado Xitano, ACEM, ASPAS e Asociación Fonte da Virxe, que se suman aos outros 10 convenios asinados nas pasadas semanas con Proxecto Home, Cáritas, a Cociña Económica, o Albergue Xoán XXIII, FEAFES, Don Bosco, Asociación Sarela e Fundación Andrea por un importe total de 386.000 euros

O convenio de maior contía foi o asinado coa Fundación Secretariado Xitano e a súa directora Eva Vera Ledo, cunha achega total de 23.000 euros para o desenvolvemento do Programa Promociona de apoio e orientación educativa para mozas xitanas e mozos xitanos e as súas familias. Este programa pretende lograr a inclusión social deste colectivo a través de actividades de reforzo e orientación educativa centradas na adquisición de competencias dixitais. Así mesmo, a través deste convenio a Fundación ofrécese ao Concello de Santiago como entidade colaboradora para acoller persoas que están a realizar traballos en beneficio da comunidade.

O Concello tamén asinou un convenio por valor de 9.000 euros coa Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (ACEM) para apoiar o desenvolvemento dun programa de rehabilitación fisioterapéutica. A súa finalidade é abordar e xeito integral os síntomas físicos que sofren as persoas diagnosticadas de enfermidades neurodexenerativas, especialmente a Esclerose Múltiple e a Enfermidade de Párkinson a través dun deseño personalizado do plan de rehabilitación e formación para as persoas doentes e os seus familiares. Á sinatura asistiu a presidenta da entidade, Teresa González Salvadores.

A Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual (ASPAS), a través da súa presidenta, Encarnación Montero Luces, foi outra das entidades asinantes no día de hoxe. A achega de 6.000 euros do Concello contribuirá ao mantemento do “Programa de Respiro e/ou Emerxencia Familiar” que pon a disposición das familias un servizo de estancias temporais que permitan mellorar a súa calidade de vida ao poder ofrecerlles uns días de descanso, mentres o seu familiar é atendido por profesionais da entidade. Así, a asociación dispón de dous pisos en Santiago, cedidos polo Concello, que acollen cada fin de semana 6 persoas con discapacidade intelectual, durante o que levan a cabo actividades encamiñadas ao fomento da vida autónoma e o coidado persoal.

Finalmente, o alcalde asinou un convenio coa Asociación Fonte da Virxe por un importe de 3.500 euros. Con este acordo preténdese apoiar un programa de respiro familiar para persoas que padecen unha enfermidade mental a través da realización de saídas de fin de semana e actividades socioculturais en diferentes localidades de Galicia, co fin de favorecer as relacións familiares e aumentar a calidade de vida, autonomía e independencia das persoas con discapacidade. Á sinatura acudiu a súa presidenta, Mª Mar Piñeiro Sobrado.